quarta-feira, 23 de dezembro de 2015

VEN O APALPADOR

O Apalpador sobreviviu na memoria dos habitantes máis anciáns das montañas do Courel, aillado de tradicións importadas, baseadas máis recentemente no materialismo e o consumismo. 
O Apalpador é un vello bonachón, de barbas vermellas e de oficio carboeiro. No Nadal, baixa das altas montañas ás aldeas para entrar sen facer ruido nos cuartos das máis pequenas. Despois de palparlles a barriguiña e comprobar que están ben mantidas, deséxalles que o vindeiro ano non pasen fame. Como agasallo de Nadal déixalles unha boa presa de castanas asadas. O Apalpador é home sabio e non ignora que houbo un tempo en Galiza no que a castana foi o sustento principal e alimento moi prezado, porque esta tradición que agora agroma con forza transpórtanos ao realismo máxico dunha terra rica en lendas, pero tamén a unha época de aillamento e miseria. O feito de que o Apalpador palpase as barrigas para comprobar se as crianzas estaban ben alimentadas fai pensar na escaseza de comida e nas duras condicións de vida da época. E precisamente iso é o que máis conmove, a emoción que espertaba o agasallo dunha simple presa de castanas, o valor que tiña algo tan esencial como a comida. 
Sabemos que estes días son de moito traballo para o Apalpador, pero fixo por nos visitar e estará no Colectivo Terra o vindeiro domingo 27 de decembro, onde fará un pequeno espectáculo de maxia e presentará ao grupo Palitroke, un serán de festas para crianzas e maiores.
A entrada é de balde e comezaremos ás 18:00h. Non faltedes!
Documental sobre a lenda do Apalpador elaborado pola Gentalha do Pichel:
https://www.youtube.com/watch?v=hZMpYnt7AXk