quarta-feira, 2 de setembro de 2015

EXPO SOLIDARIA CO POBO NEPALÍ

 Despois do éxito do Festival solidario co Nepal que transcorreu en Pontedeume o 29 de Maio, dende o Colectivo Terra queremos seguir a apoiar co noso traballo a labor que a OND Dididai desenvolve en Katmandú. Desta vez, montando unha exposición solidaria do reporteiro Dani Arias. Nesta exposición, Dani amósanos unha serie de fotografías relizadas na súa viaxe a katmandú no 2011. 
   A exposición estará instalada no Bar Fubolín de Pontedeume ate finais de setembro, e as fotografías poderánse adquirir a un prezo de 50€ que (descontando o prezo da copia ) irán destinados íntegramente a ONG Dididai. 
  Deixámosvos cun texto do autor.
  Saúde.

   Cheguei a Kathmandu na primavera do 2011. Fíxeno despois de atravesar boa parte da India, sufrir unha folga de pilotos, facer 700 kilómetros extra por estradas, que en moitas ocasións, non semellaban estradas, e cruzar a moi caótica e cinematográfica fronteira entre a India e o Nepal.
Afortunadamente, o primeiro co que te agasalla Kathmandu (a partires de aquí, referireime sempre a ela en presente, coido que como unha maneira de reafirmala, precisamente ante todo o que lles está tocando vivir), é a súa paz e a armonía da súa xente. Máis alá do balbordo (ao fin e o cabo, é unha cidade asiática...), a atmósfera entre sagrada e medieval dos seus templos e pazos semella esvaecer allea ao tempo,chea, preguiceira e maxestuosa. E envólveo todo. E a todos. Aos milleiros de peregrinos que visitan o templo de Pasupatinath, aos saddus que se agrupan a carón del e viven nas suas covas, aos monxes, comerciantes, estudantes e nenos, ás familias que realizan cremacións nas beiras do río sagrado Bagmati as 24 horas do día, aos fieis que acoden, previa ascensión dos 300 chanzos, ao chamado “Templo dos macacos”, a estupa de maior antigüedade con máis de 2000 anos de historia, aos crentes que dan 108 voltas arredor da gran estupa para acumular méritos, e aos non crentes, á Kumari Devi ou nena/deusa vivinte, que puiden ver nun só intre case imaxinado (só sae do pazo un par de veces ao ano), ou á vendedora ambulante que subiu todas as escalinatas dun dos seus templos para agasallarme co seu sorriso, en troques do meu. Imposibel esquecer.
Absolutamente todo en Kathmandu evócame un algo lonxano e misterioso que, ao mesmo tempo, resulta familiar. Supoño que o segredo, claro, está nelas, nas persoas, cuxa pausa e tranquilidade nos envolve sen que apenas, nos decatemos diso.
Suavemente.
 Ogallá poidamos devolverlles, cando menos un anaco, de tantísima paz.
                                                       Dani Arias