terça-feira, 26 de maio de 2015

FESTIVAL APOIO AO POVO NEPALÍ

Diversos colectivos sociais, culturais e deportivos da vila, a asociación de comerciantes UCOA e numerosas persoas a título particular, programamos para o vindeiro venres 29 de maio un festival solidario no que se recadarán fondos para a ONG Dididai, que traballa nun orfanato en Katmandú
O certame, que se celebrará dende as catro da tarde na praza do Conde, comezará con obradoiros encamiñados a dar a coñecer instrumentos musicais menos habituais, como as tarrañolas ou o birimbao. Tamén haberá tempo para instrumentos máis recoñecidos e mesmo non faltarán os ritmos de batucada, que darán paso a unha sucesión de concertos nos que xa hai confirmados once grupos de distintos estilos, como Cantareiras de Orballo,  Airiños do Eume, Huella, The Pyjamas, Tributo a Maná, Debosses, a Diestro y Siniestro, Superglú, Rueda Fortuna, Big Band Theory e a Nepal Band, formada para a ocasión.Durante os concertos poderemos disfrutar dunha paellada popular. Implicáronse tamén nesta iniciativa solidaria numerosos comercios da vila, aportando diversos productos dos seus escaparates para que se faga un sorteo durante os descansos dos concertos, nos que ademais varios artistas subastarán obras da súa autoría.
O que se recade durante o festival destinarase de xeito íntegro á ONG Dididai, que traballa no orfanato de Bal Mandir, en Katmandú, o centro de acollida máis grande do Nepal que quedou parcialmente derruido tralo tremor de terra que asolou o país o 25 de abril. Alí atenden a nenas e nenos desfavorecidos, especialmente a aqueles que teñen algún tipo de diversidade funcional.