terça-feira, 26 de maio de 2015

FESTIVAL APOIO AO POVO NEPALÍ

Diversos colectivos sociais, culturais e deportivos da vila, a asociación de comerciantes UCOA e numerosas persoas a título particular, programamos para o vindeiro venres 29 de maio un festival solidario no que se recadarán fondos para a ONG Dididai, que traballa nun orfanato en Katmandú
O certame, que se celebrará dende as catro da tarde na praza do Conde, comezará con obradoiros encamiñados a dar a coñecer instrumentos musicais menos habituais, como as tarrañolas ou o birimbao. Tamén haberá tempo para instrumentos máis recoñecidos e mesmo non faltarán os ritmos de batucada, que darán paso a unha sucesión de concertos nos que xa hai confirmados once grupos de distintos estilos, como Cantareiras de Orballo,  Airiños do Eume, Huella, The Pyjamas, Tributo a Maná, Debosses, a Diestro y Siniestro, Superglú, Rueda Fortuna, Big Band Theory e a Nepal Band, formada para a ocasión.Durante os concertos poderemos disfrutar dunha paellada popular. Implicáronse tamén nesta iniciativa solidaria numerosos comercios da vila, aportando diversos productos dos seus escaparates para que se faga un sorteo durante os descansos dos concertos, nos que ademais varios artistas subastarán obras da súa autoría.
O que se recade durante o festival destinarase de xeito íntegro á ONG Dididai, que traballa no orfanato de Bal Mandir, en Katmandú, o centro de acollida máis grande do Nepal que quedou parcialmente derruido tralo tremor de terra que asolou o país o 25 de abril. Alí atenden a nenas e nenos desfavorecidos, especialmente a aqueles que teñen algún tipo de diversidade funcional.

quinta-feira, 21 de maio de 2015

ALDAOLADO CON "SEMPRE EN IBIZA"

Non podedes perder o novo traballo de Aldalao o sábado 30  ás 21:00 no Terra!!!
“Sempre en Ibiza” é o título do novo espectáculo poético  de María Lado (Cee, 1979) e Lucía Aldao (A Coruña, 1982) escrito desde un exilio, o que as desterrou da torre de marfil. Seguen concibindo o recital como unha festa, así que de novo botan man da poesía como escusa para botar unhas risas, ou do humor como pretexto para compartir os seus poemas. E sempre, sempre, condimentan o evento con música en directo . O público son elas mesmas, que atenden desde o escenario ós sorrisos e á emoción de quen se achega a acompalas. Xogan na casa estean onde estean, hai alegría porque a palabra é ilusión. Así no ceo coma en Galiza … sempre en Ibiza!

segunda-feira, 18 de maio de 2015

OBRADOIRO DE ELABORACIÓN CERVEXA

O próximo  domingo 31  de maio, discorrerá no Terra un obradoiro de cervexa impartido por Elias Sixto e Miguel Soto.
Estos compañeiros de San Sadurniño comezaron a elaborar cervexa mercando un kit básico cos ingredentes xa listos para botar na pota. Porén, a medida que foron collendo experiencia, atreveronse con combinacións de lúpulos, cebadas, temperaturas e tempos de fermentación ata acadar un produto co que gañaron  o 1º premio en cervexas de estilo xermano e 3º absoluto no "III Concurso de El jardín del Lúpulo" 2015, 1º premio do concurso de cervexeros caseiros no "Asturies beer festival 2014" e o 3º premio de cervexas de estilo xermano no "II Concurso do blogue "El jardín del lúpulo".
O obradoiro dará comezo ás 16.00 hr, e durante catro horas aprenderemos, cunhas sinxelas ferramentas, a facer cervexa a partir de malta, lúpulo e auga.
Elias e Miguel tamén nos aprenderán un pouco mais sobre os distintos tipos de cervexa e das suas caraterísticas principais así como unha chea de anécdotas deste mundo.
O obradoiro ten un prezo de inscrición de 5 euros.

domingo, 17 de maio de 2015

NO DÍA DAS NOSAS LETRAS

Ela sempre estivo aí: nos arrolos das nais nas tardes de inverno, no cantar miudiño da noite de San Xoán, acariñando as ondas nas mañás do verán, nos tristes velorios cando a luz se apaga, nos contos de inverno arredor do lar, … Agasalláronnola @s nos@s avoas/ós, a elas/es as súas avoas, déronnos un tesouro confiando na nosa responsabilidade e gratitude, …, hoxe ela está doente, …, non soubemos facelo, non soubemos coidar o noso ben máis prezado: a nosa lígua.
Neste país onde todo pasa de vagar, hoxe temos présa, pensamos que xa é hora de actuar, de sacar a nosa língua fóra, a todas partes, romper barreiras autoimpostas e facer o esforzo de non mudar ante as presións sociais. Non é un reto doado, máis é preciso, precisamos pór a lingua aí onde non está, e así, tender mans, dar a oportunidade de escoitala a tod@s aqueles e aquelas que non teñen outras. A nosa lingua precísanos para non ser extranxeira na súa patria, presumamos dela, paseémola, cantémola, …, agora somos imprescidibeis para o seu rexurdimento, como un día o foi Rosalía.
Fagamos un exército de linguas azuis falangueiras e contaxiosas, alegres e irónicas, simpáticas, altruistas e intelixentes, que pouse no ar as palabras galegas.
Na nosa lingua suamos máis, presume dela. Non deixes que esbaeza, espértaa.

17 de maio 2015. Día das Letrs Galegas.


quarta-feira, 13 de maio de 2015

DÍA DAS LETRAS


Dende o Colectivo Terra queremos celebrar o día das nosas Letras realizando unha concentración en homenaxe a nosa máis ilustre escritora na Praza Rosalía de Castro. Para facilitar a asistencia ás mobilizacións do domingo nas cidades, en Pontedeume realizaremos esta concentración o sábado 16 ás 12:00
Abrirá o acto unha persoa do Colectivo. A continuación intervirá Antonio Fraga. Despois as persoas que o desexan poderán recitar algún poema de Rosalía. Para rematar faremos unha ofrenda floral e interpretaremos o Himno.
Animámosvos a tod@s a participar neste acto lúdico-reivindicativo.
En Pontedeume, en galego!
Na Galiza, en galego!

segunda-feira, 4 de maio de 2015

ESTREA DE "#OLIGOPOLIOFF" NO TERRA


  O próximo mércores día 6 de maio  ás 19:00 presentaremos no noso local o documentario " #OligopolyOFF comeza a revoluzón enerxética cidadá".
  Está escrito e dirixido por Alba del Campo e producido pola Plataforma
por un novo modelo enerxético.
  Sinopse: Preocupada polo tremendo aumento da pobreza enerxética no Estado español, as contínuas subidas das facturas da luz e o gas e os recortes ás renovables, a Plataforma por un Nuevo Modelo Energético presenta neste documental unha mirada da situación da enerxía que move este estado e dunha política enerxética hoxe hipotecada baixo os intereses das empresas do oligopolio enerxético fósil.
  Conscientes de que son estas empresas as que presionan aos sucesivos gobernos para asegurar os seus beneficios, en lugar de que se protexa o dereito á enerxía de toda a poboación, así como de emprender unha política enerxética sensata para evitar un cambio climático devastador, o propio título do documental é unha declaración de intencións: #OligopolyOFF.
 30 anos de compromisos insuficientes contra o cambio climático evidencian que non estamos ante un problema técnico ou tecnolóxico, senón ante o imperio dunhas compañías que, como di o cantante Kiko Veneno no documental, son capaces de destruír o planeta con tal de seguir sendo as súas propietarias.
  #OligopolyOFF divídese en tres capítulos. Viaxa desde o problema da pobreza enerxética, a través dos distintos conflitos que xera a actual política enerxética no territorio español, ás alternativas cidadás que están a traballar por avanzar na necesaria transición renovable e na democratización da enerxía. Ambas van da mao.
  As prospeccións de Canarias, o fracking, a construción dun cementerio nuclear en Villar de Cañas, Cuenca, os recortes ás renovables, o proxecto Castor en Castellón ou o regalo de 3.400 millóns ás eléctricas por parte do PP e do PSOE, puxeron a política enerxética sobre a mesa. E alí onde as empresas de hidrocarburos ven “oportunidades de negocio”, ou as eléctricas defenden os seus “beneficios lexítimos” a cidadanía ve como perigan a auga potable, a calidade da súa terra, o aire, o seu acceso á enerxía, o seu emprego, a viabilidade dos seus negocios… A luz sube para todas, mais para unhas máis que para outras.
  En #OligopolyOFF vemos como as loitas contra unha política enerxética destructiva convertiu a defensa do territorio en loitas pola dignidade dos pobos de todo o estado. A alternativa é clara, alí onde se berra petróleo NON, a aposta da cidadanía é: RENOVABLES SI.

  Todas estas loitas conflúen en #OligopolyOFF e enlázanse cun camiño non só desexable ou posible, senón que ademais é máis económico para as consumidoras. Si, é máis económico e isto hai que repetilo tantas
veces como faga falla, porque estas empresas invisten cantidades indecentes de diñeiro en facernos crer o contrario. E é que, como vai ser máis eficiente quentar a auga da ducha con gas que ven de 4.500km, que co sol e unha placa que estea a 5 metros da túa ducha?, pregunta Manel Rivero ao alumnado do instituto. “Encargáronse de vendernos un modelo que xera beneficios multimillonarios para unhas poucas empresas. Mais hai outros modelos”, engade.
  Por iso, o terceiro capítulo está dedicado a eses outros modelos, exemplos de cambio, de transición enerxética, nos que a cidadanía decide e é parte de cooperativas de consumidoras ou propietarias de empresas que xeran a electricidade ou a calor para a calefacción, cooperativas enerxéticas verdes, proxectos de autonomía enerxética renovable, proxectos de aforro a nivel municipal… Proxectos limpos nos que a enerxía está en mans da xente.