segunda-feira, 26 de março de 2012

Adiante coa Greve Xeral

O Colectivo Terra apoia a greve xeral do 29M

Dende o Colectivo Terra queremos transmitir o noso apoio á Greve Xeral convocada polo sindicalismo galego e de clase, para o 29 de Marzo, e animamos á cidadanía a participar activamente nas mobilizacións que terán lugar ao longo do País.

Esta greve está amplamente xustificada. O Goberno Central do PP, seguindo a liña marcada polo PSOE nestes
últimos anos, vén de aprobar mediante decreto lei, unha ampla reforma do réxime laboral. Esta suporá unha mudanza substancial no réxime de relacións laborais na Galiza que agrava, ainda máis, as condicións de vida da clase traballadora.

O máis salientábel desta reforma é que se lle da á patronal a capacidade unilateral de decidir, por riba dos convenios colectivos en vigor, entre outras cousas; a xornada de traballo, horarios, quendas, sistema de rendemento, sistema de remuneración, cuantía salarial e troco de categoría profesional. Podendo, así mesmo, despedir máis barato, con 20 días por ano traballado e cun máximo de 12 mensualidades. Non só os novos contratos estarán afectados con esta medida, senón que todos os contratos anteriores á nova lei, veranse afectados de facto coa simple excusa de xustificar uns resultados menos bos que os de meses anteriores.

Tamén e na mesma líña, os ERE non precisan permiso administrativo. Faranse sen autorización previa da Administración e acelérarase a tramitación ampliando as causas obxectivas para este modelo de despido.

En canto a mocidade, ademáis de verse afectada por todo o anteriormente exposto, sufre máis unha modificación no contrato de formación e aprendizaxe, o cal mantén o límite de idade nos 30 anos, mais varía a porcentaxe de retribución salarial que é como máximo do 75% o primeiro ano e 85% os dous seguintes. Tamén ve como se fomenta o contrato a tempo parcial dando toda liberdade de actuación ás ETT.

Por outro lado suprímense os incentivos pola reincorporación das mulleres tralo permiso de maternidade. E o persoal laboral das Administracións públicas tamén pode ser despedido por insuficienza orzamentaria ou cambios organizativos (privatización do servizo). Etc...

En definitiva estamos diante dunha profunda reforma que precariza de forma clara as condicións laborais e económicas da maioría social do noso pobo, para satisfacer os intereses dunha minoría oligarca e centralista do Estado Español.

É por isto que dende o colectivo Terra pedimos a derogación de dita norma e reiteramos o noso apoio á Greve Xeral do 29 de marzo, asi como a calquer outra medida que serva para avanzar na conquista da soberania nacional e social por parte do pobo traballador galego.
Adiante coa Greve Xeral!!!

Adiante coa Greve Xeral!